- Editorial:
- OQO
- Año de edición:
- 2024
- Materia
- Álbumes ilustrados
- ISBN:
- 978-84-9871-727-3
- Páginas:
- 40
UN BANQUETE FABULOSO
MORALES, JOSÉ / FERRERO, MAR
Peluxiña é a última en nacer nunha gran familia de coellos. A comida non é suficiente para todos e a pequerrecha sempre queda con fame, así que unha noite decide saír da coelleira e procurar alimento pola súa conta; pero o bosque está cheo de perigos e sorpresas e, nesta aventura, a intrépida coelliña levará algún bo susto do que sairá vitoriosa grazas ao enxeño,
a tenacidade e a sabedoría que irá adquirindo no seu camiño.
E se o problema inicial era a falta de comida, o desenlace e agasallo final será un banquete fabuloso para a familia toda, resultado da afouteza e tenacidade da nosa pequena protagonista.
Cunha trama simple e unha estrutura divertida, que lembra algúns contos tradicionais, Peluxiña espertará a simpatía dos máis cativos, que poderán acompañala e, ao seu carón, vivir emocións, superar contratempos e enfrontar medos, dificultades e perigos, ata chegar o merecido triunfo final.
En definitiva, unha divertida historia de José Morales sobre o crecemento, a aprendizaxe e a perseveranza na procura de obxectivos.
As dinámicas e eficaces ilustracións de Mar Ferrero e os magníficos personaxes que crea, fan que o tempo narrativo flúa con facilidade, permitindo que o pequeno lector entenda o proceso de crecemento e sinta a fantasía do texto como unha experiencia propia.
Ademais, nas ilustracións, podemos atopar divertidas chiscadelas que axudan a interpretar visualmente detalles non transmitidos en palabras, cunha formulación que abre a porta a novos significados e insuflan vida á relación palabra-imaxe.